Segunda época, primera temporada, episodio 11
Por César Martínez
Logo de abandoar na Freita, tiña ganas de volver a poñerme un dorsal, pero, o verán non adoita ser unha estación con abundancia de carreiras en Galicia. Así que, tocaba viaxar lonxe, ou inscribirme no Asaltamontes Trail, que se celebra en agosto en Xunqueira de Ambía, Ourense. Xa coñecía a proba, por ter participado nela hai dous ou tres anos. Daquela, fora na distancia de 50 kilómetros, que agora xa non se fai. Mellor así, que as tentacións son cousa do demo, e eu non teño as pernas para tanto este verán. Ademáis, as temperaturas que estamos tendo non recomendaban tantas horas de carreira , alomenos para min. Aínda así, foi unha pena que a organización decidise acorta-lo percorrido longo, dende os 31 kilómetros iniciais, ata os 24, privándonos así, dunha derradeira subida que creo ía ser dura.

César na saída
O domingo tocou madrugar para chegar a tempo, posto que a saída era ás oito da mañá. Boa temperatura a esa hora, pero xa se notaba que estaban acendendo a caldeira para o mediodía. A falta de máis kilómetros, tomo a decisión de saír sen reservar nada, e xa dende o inicio vou forzando en tódolos terreos. Os primeiros cinco kilómetros son de subida, chegando a unha pequena cova dentro duns penedos, na que se entra descendendo por escaleiras ancladas na rocha. Por aquí xa estivera, e vexo que aínda non lle incrementaron a altura, polo que toca ir agachado. A situación repítese noutros tramos de carreira coa maleza e as árbores. Semella que a xente que limpia os percorridos non ten en conta ós que somos altos, e así ando logo con lumbago . Esta primeria parte encadea tres altos con unhas vistas espectaculares, pero hoxe non e día de poñerse a facer fotos. Unha mágoa. A pesares da hora do día, xa se nota a calor, razón pola que a organización levou auga a puntos nos que non estaba previsto, e temos líquido cada 4-5 kilómetros, a maiores dos avituallamentos habituais. Coma vou con presa, non me paro moito neles, pero creo que estaban ben nutridos e preparados. Neso, e noutras cousas tamén, hai que darlle a noraboa ó clube Asaltamontes.

Terreo favorable

24 km neste plan. «Carreira curta»


