Segunda época, primera temporada, episodio 10
Por Alicia López Regueiro
Carreira: XXX Carreira a pé de Lira, 3.5 km
Data: 9 de agosto
Lugar: Lira, A Coruña

Cartel da carreira
Unha carreira de 3,5 km pode parecer pouca cousa. Pero despois de ano e medio sen ir a ningunha, e tras escoitar nalgunha consulta médica que xa non podería correr máis, estar hoxe aquí xa era unha festa.
O caso é que vin coas forzas xustas. Moita actividade doméstica e pouco entreno. Moito gastar e pouco recargar. A isto hai que sumar outra noite de durmir pouco, co tema de facer todos os preparativos da viaxe.
Pero houbo tempo de xantar cedo e con calma, e de descansar ben as pernas no hostal de Louro.
Cando fumos coller o coche para ir a Lira , o termómetro marcaba 40 grados (cousas de estar tres horas aparcado ao sol).
Menos mal que a medida que nos achegabamos a Lira o rexistro ía baixando. E xa no Mar de Lira corría unha brisa do máis agradecida.

Alicia preparada
Recollido o meu dorsal, quedei na área de descanso bebendo un pouco de auga e vendo como se cociñaba o ambiente das categorías infantis.
A última hora a xente da organización cambiou a orde da saída das carreiras, e a de 3,5 km saíu ás 19:20 en lugar de as 19:30.
Pilloume o asunto totalmente fóra de onda, e xa estaba todo o mundo marchando cando me decatei que era a miña quenda. Así que me fun ó arco de saída con polo menos cinco minutos de diferencia, facendo un pouco o ridículo alí soa, pero que lle iamos facer.
A carreira arrincaba nun carreiro de trail polo medio do piñeiral de Lira, costa arriba considerable (aínda que na foto non se aprecie). Logo había que meterse por Portocubelo, sorteando carreiros estreitos e un tramo de escaleiras. Pero o peor estaba por vir, asfalto puro e duro en costa arriba, sen sombra cunha temperatura de polo menos 27 ou 28 ⁰ C, así ata aldea de Miñarzo. Milagrosamente fun quen de ilo facendo sen pararme a andar. Pouco a pouco fun adiantando posicións, pero como o remate da carreira era costa abaixo, aí volveron a sacarme vantaxe varias das persoas rebasadas.

O piñeiral de Lira
Finalmente pasei o arco de meta. 3,5 km e máis de 23 minutos, o que da un ritmo lentísimo. Realmente nos últimos entrenos non estaba correndo máis rápido, en tendo en conta o calor é o perfil da carreira, aínda menos mal. E despóis do «Perico Delgado» que me marquei na saída, ter remontando 24 postos desde o 60, ten o seu punto positivo. Pero o mellor é estar agora tumbada, e non notar as máis mínima molestia no xeonllo dereito.
En fin, non foi un retorno nin moi brillante nin moi ortodoxo, pero aquí estamos outra vez en acción, coas cores do CARMA e a camiseta negra do Trigal. A ver se noutra ocasión son quen de facela lucir máis e mellor.


