Por Lete
Unha vez rematada a miña persoal tempada 17/18 facendo a “Ultra Trail Serra da Freita” na súa versión “curta” (65K) o pasado 30 de Xuño, e onde sufrín moito pra poder rematala (grazas Iván “Kapi”!, sen ti tería sido imposible)
quedáronme claras dúas cousas:
A primeira que cada ano quero meter no meu calendario probas en Portugal, sexan de asfalto ou de monte xa que me encanta como as organizan e o ambente que hai, sen desmerecer as nosas claro. A outra conclusión foi que aínda que vou tendo certa experiencia no monte a Freita quedoume moi grande pola súa “tecnicidade” e dureza, polo que durante un tempo tería que ir a probas menos técnicas ou cecais directamente elixir probas das que, na medida do posible, poda ter referencias pra ver se se adaptan ao meu perfil de corredor. Así que o plan era facer un mes antes da Maratona de Porto algún trail o semellante no país irmán e baixo estes parámetros.
Levaba tempo seguindo a páxina de “Carlos Sá Nature Events” e cando vín que en Outubro íase celebrar a primeira edición da “Sistelo Extreme Marathon” non o pensei e me inscribín. Aínda que ao ser a primeira edición non tiña referencias a descripción do seu percorrido era, a priori, moi do meu xeito:
Distancia Maratón con percorridos sobre asfalto, ecovía e tamén trail nun pequeno anaco (despois vería que non era tan pequeno). O desnivel positivo de 1380m. otorgaba en principio á proba o estatus de case que unha maratón de montaña.
Marchamos Sonia e máis eu pra Sistelo o Venres 5 chegando á media tarde. Tempo dabondo pra dar unha voltiña e coñecer a fermosísima aldeia de Sistelo, “O Tibete Português”, nomeada o pasado ano como unha de 7 Maravilhas de Portugal. Unhas paisaxes realmente fermosas e sorprendentes.
Sen dúvida moi recomendable a sua visita, así coma Arcos de Valdevez, acolledora e tamén fermosa localidade de onde sairía a proba e cruzada polo río Vez, que nos acompañaría a meirande parte da prova do Domingo.
O Sábado 6 visita a Arcos de Valdevez onde dimos boa conta dun espectacular espeto de carne con posterior recollida de dorsal onde aproveito pra facer unha foto co grande Carlos Sá, organizador da proba.
Á media tarde volta a Sistelo e a velar armas. Cea lixeira con algo de pasta con ensalada e a durmir.
Ás 6.30 en pé pra o almorzo: Un plátano, dúas tostadas de pan feito na casa con aguacate e fiambre de pavo con café con leite de avea; sobre as 8 xa andabamos en Arcos de Valdevez onde xa se apreciaba o ambente. Todos abrigados xa que había uns 10 graos e algo de aire. Melloraría isto ás 9, hora de saída. Temperatura ideal pra correr durante toda a carreira, sen superar nunca os 20 graos e despexado.
A saída das probas de 21, 30 e 42km foi conxunta, sendo a da andaina de 13km dende Sistelo en sentido inverso. Saída e nos primeiros kms asfalto e camiños pola contorna do pobo e xa comenzando a bordear o río pero sen meternos ainda no sistema das ecovías propiamente. Neste primeiro bucle nos fan pasar por meta cando levamos aproximadamente uns 12 kms, non sen antes subir a primeira dificultade de desnivel sobre o km. 7, neste caso por asfalto pero onde xa se vía a xente camiñando.
Aos 6 km. da segunda volta do bucle xa se separan as distancias e quedamos sós os da distancia maratón. Métennnos polas ecovías paralelas ao río Vez e xa me decato que a cousa non vai ser tan sinxela como pensaba xa que o terreo, ainda que moi corrible non sempre é“limpo” e hai que ir con certo ollo.
Pasamos multitude de “passadiços”, que son pasarelas de madeira, infinidade delas que facían por intres que a carreira semellara unha sorte de montaña rusa pola beira do Vez. Paisaxes fermosísimas que acompañaban o meu trotar solitario na meirande parte da carreira. Paso a 1/2 Maratón en 1.48 e as sensacións moi boas. No abastecemento do km. 15 aproveita pra tomar unha pastilla de sal e no do 23 o único xel que tomei en toda a carreira. En cada abastecemento parei coma 2-3 minutos, tomando sandía sobre todo e algo de doce.
O máis complexo desta carreira sen dúvida foi como xestionala, xa que segundo o perfil da mesma arredor do km. 29 atoparíamos de súpeto case que todo o desnivel, polo que era primordial non emocionarse moito co ritmo ata chegar alí. Púxenme como obxetivo correr arredor de a 5´o km. e cheguei vivo a ese punto. Xa dende o km. 24 aproximadamente víase que tipo de terreo íamos ter. Trail puro, non especialmente técnico pero cunha primeira subida polo monte a través moi pronunciada onde os da caminhada baixaban no sentido contrario e que dificultaba un pouco a trepada. Despois a vía romana durante un bó treito. Curiosamente na pequena baixada sobre esta zona de pedras bastante técnica adiantei a xente (inaudito!), cousa rara en mín porque baixo moi mal, pero ía forte de pernas (será que fago máis ximnasio?) e pensó que tamén algúns pasáronse co ritmo na primeira parte de carreira.
Os derradeiros 7-8 kms foron unha pronunciada baixada ata Sistelo pola estrada que facía reventar os cuadríceps, con algún falso chan e alguna pequena subida que houbo que facer case camiñando. Aínda así pasei nese tramo a algún corredor máis. Dende o alto a aldeia de Sistelo semejaba unha maquetiña nun decorado natural inigualable.
Chego á meta eufórico. Sabía que fixera unha boa carreira polo tempo 4k11k57, pero cando vin o posto a ledicia foi aínda maior. Posto 16 de 80 na xeral e o 7º de 31 na miña categoría de Veteráns M40. Nada suliñable pra moitos pero unha pequena proeza pra mín pola natureza desta carreira, así que inmensamente feliz.
Se tivera que describir esta proba diría que está máis perto dunha maratón de montaña que de asfalto. Pra un “asfalteiro” puro faríase durísima e pra un “corremontes puro” tamén, xa que aínda que ten tramos de puro trail é moi corrible en 2/3 do total e pide “zapatilla”.
Carreira totalmente recomendável, probablemente a máis fermosa que teño feito, polo que tratarei de repetir.
Agora a pensar na Maratona de Porto do 4 de Novembro.
Un saúdo Nécoras!