Segunda época, segunda temporada, episodio 10
Carreira: Ultra Trail Montaña Palentina.
Data: 12/septiembre/2026.
Lugar: Camporredondo de Alba – Palencia.
Datos significativos: 66,94 km / 4.237 m D+ / 15h 19min 17s
E ese precio era a inscrición ó Ultra Trail Montaña Palentina ¡Que exaxerado!, pensaredes. Pero, para min, co medo que lle teño ás alturas, ningún título lle encaixa mellor.
Non lembro como coñecín a proba, nin como me animei a correla, pero teño claro que non me arrepinto, aínda que dubido moito que me atreva a repetir. Sobre o papel, para os que non coñeciamos o territorio, poderíamos pensar que era unha carreira máis de trail. Unha vez rematada, teño que dicir que se trata dunha proba espectacular de montaña pura e dura, aínda que sen chegar ós niveis de Picos de Europa ou Pirineos.

Fiebre del sábado noche. Saímos cedo, ás cinco da mañá, con tempo fresco e o ceo despexado. Hai por diante un máximo de dezasete horas para completa-lo percorrido, e toca madrugar para que a xornada non se alongue ata o domingo. Non as teño todas comigo porque chegaba moi canso físicamente, e a semana anterior notara molestias na unión da perna dereita coa cadeira (vaite ti a sabe-la causa e o diagnóstico) pero que me impediron adestrar os días de antes, e mesmo cheguei a pensar que non ía ser capaz de correr. Arranco con moita calma, tentando descubrir como me atopo realmente, e coa idea de non forzar no primeiro tercio de carreira que, aínda sendo o máis sinxelo, non estivo exento de dureza. Logo de percorrer un quilómetro e medio, comezamos a primeira subida de 600 metros de desnivel en apenas catro quilómetros. Os que pasaban frío na saída, enseguida puideron entrar en calor. Semellaba un cortalumes, pero estaba demasiado cheo de maleza, polo que supoño sería unha senda que separaba as diferentes zonas de monte, ou camiño de servicio para traballos forestais, porque o último tramo sí que discorre por un cortalumes, logo de virar á dereita. Coroamos, así, un cerro dende o que as vistas son espectaculares, co ceo completamente estrelado, e Camporredondo de Alba iluminado aló embaixo. O primeiro tramo de baixada é similar o de subida, e prefiro tomalo con calma para evitar males maiores. Logo, suaviza bastante a pendente permitindo correr para desface-lo camiño e pasar pola zona de meta, onde se sitúa o primeiro avituallamento. Van dez quilómetros, e, de momento, nin rastro das miñas molestias.

A carreira volve a saír do pobo por pistas amplas sen dificultade algunha, aínda que o terreo volve a picar cara arriba. Xa se ve a alba asomando polo leste, e aparece ante min a silueta do Espigüete, quizais o pico máis mítico da zona. Tamén distingo, máis ó lonxe, os cumios de Picos de Europa, cos vales cubertos de néboa. Só por ese intre, a carreira xa valeu a pena. Continúa o percorrido por unha baixada por pista moi cómoda e rápida, pasando por Cardaño de Abajo (onde está o albergue no que teño habitación) e Puente Agudín (¡Que ben se come no bar que hai alí!) segundo avituallamento do día, e saída da maratón. Aquí comeza realmente a carreira, creo eu.

Los locos de Cannonball.Gardo o frontal e collo a gorra. Aínda se nota o fresco nas mans, pero non hai
unha soa nube no ceo. Facemos un tramo curto a rentes do Arroyo de las Lomas e, logo dun xiro á dereita, comezamos a subir. Primeiro, por pista de terra, na que xa me adiantan os primeiros da maratón; logo por pradeiras de herba, no que me seguen adiantando corredores que acaban de saír, que, coma veñen frescos, van falando cada un co seu tema, mentres eu teño xa problemas para respirar. Hai un pequeno descanso na subida, pero apenas perceptible para as pernas. O terreo xa se volta máis técnico, cun desnivel importante, e as hordas de corredores seguen pasándome a dereita e a esquerda. Esta circunstancia xa a tiña asumida, e manteño o meu ritmo sen cebarme en ninguén máis, non vaia a paga-lo caro máis adiante.

Mujeres al borde de un ataque de nervios. Así chegamos ata o primeiro tramo de carreira no que me dou conta de onde me metín. Un pedregal de diversos tamaños e estilos, máis pesadas e fixas ó terreo unhas, máis liviás e falsas outras, nas que un mal apoio pode facerche caer e levar un bo tumbo. Os bastóns non son de axuda, e detéñome a recollelos, pero o meu avance é moi lento e torpe, con moitas dúbidas, e xorden os primeiros síntomas de ansiedade. É un terreo no que non me desenvolvo, e os nervios comezan a atenazarme. Detéñome un intre e trato de respirar a fondo e acougarme. Paseniñamente, consigo avanzar e acadar terreo máis firme e seguro, facendo cume tras sete quilómetros e 900 metros de desnivel. Unha vez no alto, seguimos enlazando picos con varias subidas e baixadas, ata acadar os 2.340 metros do Pico de la Hoya Continua. Alí, dúas voluntarias me indican que agora toca baixar, e ¡Vaia susto que me deron! Non sei se foi peor a baixada que a subida. Por sorte, transitamos por un sendeiro de terra e pedras no que, máis alá do forte desnivel, o risco de caída non era ó vacío, e leveino mellor. Con paciencia e coidado fun perdendo altura ata acadar o terceiro avituallamento do día, na Majada de las Vacas.

La noche (más bien el día) de los muertos vivientes. Xa estamos no camiño que ascende ata o Pozo de las Lomas, unha lagoa de orixe glacial, situada a 2.080 metros de altitude. Por esta ruta se chega a diversos puntos destacables do Parque Natural, como as Agujas de Cardaño, Mojón de las Tres Provincias, Peña Prieta ou a lagoa de Fuentes Carrionas. Nós tomamos os camiño da esquerda, e subimos ata o Pico Lomas. O sol pica, e a subida, sen ser excesivamente técnica, ten a súa dificultade, polo que a romaría de corredores que andamos por alí semellamos corpos sen alma que nos movemos coma autómatas, sen ter moi claro o por qué. Pero, no fondo, sí o sabemos, e trátase de superar os 900 metros de desnivel positivo en algo menos de cinco quilómetros para acada-lo cume. As vistas son espectaculares e, aínda que a cresta ten anchura suficiente, eu vou con pés de chumbo dada a caída vertical por un lado, e a pendente que temos polo outro. Enlazamos por ela co Pico Cuartas, punto máis alto da proba, a 2.451 metros de altitude, e co Pico de las Guadañas, xa en descenso. Coma durante todo o día, en cada alto hai voluntarios velando pola nosa seguridade e repartindo folgos. Neste tramo volvo a pasar por un suceso de tensión, xa que quero desfrutar das vistas, e achégome demasiado ata o borde, pero a vista váiseme cara o fondo do val e a tremenda caída que me espera se caio por alí. Recupero o alento e continúo cara adiante, perdendo altura rápidamente, por zonas de terreo moi roto. Pensando en que o tempo final non vai a ser o que tiña previsto na saída, prefiro asegurar e móvome con precaución. Chego así a Cardaño de Arriba, base de vida e cuarto avituallamento. Alí me está agardando a miña muller (miña pobre, que paciencia ten). Van alá 49 quilómetros, e restan 17, polo que me tomo un descanso, cambio algo de roupa para ir máis cómodo, como e repoño forzas. Alí, atópome coa parella de escobas que están preparadas para face-lo derradeiro treito de carreira e, mira ti por onde, véñense a min ó recoñecer a camiseta do C.A.R. Marisqueiro. Son coñecidos dalgúns dos compañeiros máis antigos do equipo, e departimos sobre como vai a proba, e sobre experiencias pasadas en terras portuguesas.
Pero, o bo ten que rematar, e salgo decidido a afronta-lo que me queda con ánimo, aínda que consciente de que teño por diante dúas ascensións das boas, e máis dado o esgotamento que levo comigo. A primeira metade da seguinte subida discorre por unha pista ancha. Hai tramos de moito desnivel, pero o ascenso resulta cómodo. A segunda parte complícase un pouco máis, tanto por desnivel coma por dificultade, subindo por un sendeiro entre maleza que non facilita para nada o avance. Unha vez coroado, baixamos para pasar a carón da fervenza de Mazobre, e, pouco despois, o seguinte avituallamento, onde me ofrecen a beber viño por bota, ó que non souben dicir que non. Doulle un bo grolo, que falta me vai a facer para o terreo que resta.
Horizontes lejanos. Agora teño por diante un tramo de tres quilómetros no que ascendemos case que 500 metros. Comezamos por un pequeno sendeiro que desemboca nun pedregal ós pés do Espigüete. Por fortuna para min, atópase afundido nunha depresión do terreo, e non hai risco de despeñarse. Aínda así, as forzas escasean, e o ritmo de ascensión é lento, a pesares de atoparme ben de ánimo e con confianza. Chego ó alto dun outeiro con dous novos voluntarios informando sobre o que nos ven por diante: bordea-lo Espigüete por un sendeiro estreito a media montaña, con pedra miúda e solta, onde, tal e coma eu o vexo, esvarar e caer ata o fondo do val é tarefa sinxela. Uso os bastóns para tentar afincarme no terreo, pero noto coma camiño inclinándome cara o lado da montaña para non caer. Aínda así, o medo comeza a apoderarse de min e chego a bloquearme. Desconfío de min mesmo, e non sei se serei capaz de seguir. Mirar cara abaixo non axuda, polo que me centro só nos meus pés e o terreo no que piso, continuando paseniñamente. Aquel tramo faise interminable para min, mesmo me teño que apoiar con pés e mans para descender un tramo, adoptando a posición nécora que lle digo eu. Por fin, logo dunha pequena subida, consigo chegar ata a zona de baixada, e comezo a respirar con máis calma. De tódolos xeitos, vou con moita tensión, e síntome máis inseguro do habitual no descenso, con máis dúbidas que acertos nas decisións que tomo. Pouco a pouco, o terreo se volta máis doado, ata desembocar nunha pista ancha pola que chego ata o derradeiro avituallamento do día.

Como e bebo mentres me repoño un pouco do esforzo físico e mental polo que veño de pasar, e saio decidido a remata-la proba canto antes, e co mellor ánimo posible. Hai un tramo común, que xa fixemos pola mañá, no que se pode trotar, que correr xa era complicado. Chamo a Almudena, para saber como lle foi na súa proba, que saía ás cinco e cuarto da tarde. Cóntame que anda perdida, e leva feito máis quilómetros dos que lle corresponden, porque cree que cambiaron o sinal onde tiñan que regresar á meta. Acelero pensando en atopala no meu camiño, e poder facer a parte final xuntos, pero, cando falamos de novo, xa marchara detrás de outros corredores cos que se atopara, para non quedar soa sin frontal (eran cerca das oito da tarde, e o sol xa non iluminaba coma antes). Saio da pista cara a dereita, e comezo a baixar por unha carballeira. Muscularmente vou tocado, e nin costa abaixo corro con soltura, pero sí que podo avanzar máis rápido. De aí saímos a uns prados e, logo dunha pequena lomba, que rematou coas poucas forzas que levaba, xa son quen de escoita-la megafonía de meta. Por desgracia, o estómago que tan ben se portara durante todo o día, decide renderse, e sobreveñen as náuseas e vómitos. Mellor aquí, a un quilómetro de meta, que non antes, pero incomoda que non vexas. Xa non queda nada, e consigo chegar a unha pista asfaltada que me leva a cruza-la estrada para entrar na recta final. Xa queda pouca xente por alí, pero os aplausos reconfortan logo dun día duro na oficina.

O que nun principio podería semellar unha misión imposible para min por diversas circunstancias, rematou con final feliz, moi contento e orgulloso de ter superado tódalas dificultades coas que me atopei. Quen non lle teña medo ás alturas igual non entende a situación pola que pasei, e pode pensar que exaxero, pero podo asegurar que houbo momentos nos que sentín que non sería capaz de seguir adiante, e non foi doado controlar as miñas emocións para continuar. Así e todo, creo que non son mellor corredor, nin moito menos mellor persoa, que cando arrancamos ás cinco da mañá, pero sí son consciente de que podo controlar certas situacións e superalas con constancia e sacrificio. ¡Saúde e quilómetros!


