Segunda época, primera temporada, episodio 15
Por César Martínez
Logo de dous anos, tiña gañas de voltar a correr pola Serra D’Arga pero, nesta ocasión, os 100 quilómetros facíanseme demasiado, polo que optei pola distancia intermedia, que tamén ten os seus encantos. Tocounos madrugar á miña muller (que me acompañou durante todo o día) e a min para chegar ó redor das sete da maña, e ter así tempo para aparcar en bo sitio, recolle-lo dorsal, e quentar un pouco, que a mañá estaba fresca.
A proba de 50 km discorre por un percorrido que xa coñecía das miñas anteriores participacións, o que me permitiu leva-la proba visualizada de antemán, sabendo onde quería e podía apretar, e onde habería que reservar forzas. Por iso saio con moita calma, xa que os primeiros tres quilómetros son costa arriba, con algúns tramos bastante duros. Unha vez coroamos, transitamos brevemente por unha pista que da servicio ós muiños de vento para logo xirar á esquerda e comenzar a primeira baixada do día, que, coma o resto que nos imos atopar, é longa e dura, con zonas técnicas que van castigando muscularmente, e te deixan máis baldado que as subidas.

Despois de esta baixada, pasamos polo Santuario de São João de Arga, onde está o primeiro avituallamento (10 km). Un enclave espectacular e ben coidado, que paga a pena visitar con máis tempo. Eu apenas puiden parar. Pouco despois deixamos atrás os participantes da proba curta, que xa collen un atallo para voltar cara a meta e, nese punto, comenzo a ver as cousas con outros ollos. Nas dúas ocasións anteriores, ó face-la proba longa, pasaba por esa zona de noite e, coa luz do frontal, as cousas vense con outros ollos. Como o terreo é unha subida constante pero non agresiva, podo permitirme darlle voltas á carreira na miña cabeza, e caio na conta de que o percorrido é un continuo subir e baixar rodeando o mesmo núcleo central da serra, que ven sendo algo así coma un altiplano. E, aínda así, ¡facemos cincuenta quilómetros, que non está nada mal!
Logo chegamos ó seguinte avituallamento (15,5 km), onde se sitúa a base de vida dos 100 km, e, contrariamente ó que se facía antes, xa non entramos na finca na que se atopa, estando o posto na parte exterior para a nosa proba.

O seguinte tramo, ata Montaría, pódese resumir nunha SUBIDA e unha BAIXADA. Saíndo de Cerquido facemos unha parte de aproximación na que se pode correr/trotar, para desembocar na falda do ascenso cara a capela da Nossa Senhora do Miño. Á lembranza que teño deste ascenso é moi parecido ó inferno na terra, pero, coma sempre nestes casos, a experiencia dun ano a outro adoita ser distinta, en función das circunstancias. Para empezar, este ano a subida non comeza tan abaixo como antes, e xa nos libramos de facer un bo tramo, que sempre estaba moi metido no val e onde ía moita calor. Este é o segundo condicionante que cambia, xa que, na miña derradeira visita, andábamos polos trinta graos, e chegara a este punto nas horas nas que máis pega o sol. Nesta edición, a temperatura rondaba os vinte graos, e o ceo estaba nublado. Mesmo algo nos choveu, polo que cheguei ó alto en menos tempo e con mellores sensacións do que me esperaba. Así, volvo a forzar na baixada, pero xa se notan os esforzos, e os cuádriceps vanse queixando continuamente.

En Montaría (31 km) fago a parada máis longa para avituallar. Queda aínda moito por diante (o que non quita para que, na miña cabeza, pensara que o difícil xa estaba feito) e hai bastante distancia ata o seguinte avituallamento. Ademáis de comer, fago tempo para agardar pola miña muller, xa que, polo que ela me di, leva máis tempo chegar en coche por esas estradas que a pé polos camiños, e coido que non lle falta razón. Como e repoño forzas tranquilamente, e atópome con ela xusto antes de abandona-lo asfalto para meterme nun camiño que baixa pouco a pouco cara o leito do río Âncora. Este tramo fágoo con moito coidado e sen arriscar, xa que as zonas de río e máis eu non facemos boas migas, e non está o día para acabar no curso de auga. Terreo con moitas raíces, penedos desgastados polas correntes e algo de lama, que vai picando sempre cara arriba, pero que supero sen problemas. Cruzamos un merendeiro e seguimos paralelos ó río un pequeno tramo máis, ata que o terreo volta a picar con ganas cara arriba. Penúltimo esforzo, e xa estamos preto de Pedrulhos, derradeiro punto de abastecemento. No alto sopla o vento con moita forza, e comeza a chover, de momento sen moita forza, pero a cousa non pinta ben. Cando chego a Pedrulhos, semella que alguén abríu a billa aí arriba, e caen caldeiros de auga. Non tiña pensado usalo, pero prefiro botar man do chubasqueiro, que voltamos a subir cara o primeiro alto do día, e agardo moito vento e frío nesa zona.

A subida fáiseme dura, quizáis por non alimentarme ben neste último punto, quizáis porque vou máis preocupado coa baixada que nos espera nestas condicións. As miñas zapatillas non son moi de fiar en pedra húmeda, e xa me vexo testando o terreo coas nalgas . Tras un bo rato de sufrimento, acado o cumio e facemos un treito entre penedos onde ralentizo aínda máis o ritmo, antepoñendo chegar a meta dunha peza. Xa na baixada, con varias zonas de pedra escorregadiza e cheas de follas das acacias, directamente paro e vou coma na canción, una pasito p’alante…un pasito p’atrás. Por sorte, ou pericia, quén sabe, consigo acada-la parte final máis cómoda, e saír ó empedrado e á rúa de Dem que desemboca na meta, conseguindo baixar das oito horas por moi pouco, pero entrando de esta maneira por debaixo do límite que me fixara como obxectivo inicial.

A modo de resumen, a carreira disfrútase moito, permite correr a quen ten forzas, e pasalo ben a quen ten menos. Está ben organizada e preto da casa, polo que é un bo recurso para facer un adestramento longo avituallado. A proba de 100 km tamén é moi recomendable, e seguro que voltarei algún ano a presentarme na liña de saída. Por desgracia, cando algo sae ben, algo logo ten que saír mal, cousas do “CARMA”. Ó cumplir obxectivos e terminar con bó sabor de boca, a seguinte proba, para a que dubidaba a qué distancia presentarme, decidin arriscar e voltar ós 100 km, xa que viña con moitas dúbidas este ano. Veremos qué tal nos vai en Castanheira de Pera.


