Seleccionar página

Segunda época, primera temporada, episodio 7

César Martínez cóntanos a súa aventura

También puedes seguir nuestras aventuras y carreras en Instagram

Carrera: Ultra Trail Serra da Freita. ¡100 km! (Meu Deus)

Fecha: 21 de junio de 2025

El Trigal

Lugar: Arouca, Aveiro (Portugal)

Comezo alegre do que foi unha tortura

Voltamos a Arouca, sete anos despois, a Onde Todo Comezou, pois alí corrín por primeira vez coas cores do CARMA. Se, daquela, fun a facer a proba de 65 km, nesta ocasión volvía para tentar completar a de 100 km, xunto con varios compañeiros de equipo, Alfonso, Alberto e Fernando Míllara, máis Ramiro e Jorge que, por mor dos seus problemas físicos, viñeron a animar e acompañarnos nesta aventura.

O venres, xa en Arouca, recollida de dorsal e marchamos para casa cedo pois tocaba madrugar ó día seguinte. A carreira, contrariamente ó que fan outras, sae ben cedo pola mañá, en lugar de pola noite, e

iso supón, dende o meu punto de vista, un inconveniente máis. Dende a saída, a proba xa comeza a
subir, e separámonos en dúas parellas: eu trato de seguir a Alfonso, e os Míllara prefiren ir máis
devagar. Como xuntan ós corredores das probas de 65 e 100 km, hai moito tráfico, e o terreo danos
moito pé para poder adiantar, polo que se forman varios tapóns en diversos puntos, e iso lévanos a ter
que forzar noutros para poder superar corredores. Facemos un primeiro paso por río, onde nos
cruzamos por primeira vez con Ramiro e Jorge, e, un pouco máis adiante, primeiro avituallamento. De
momento, imos ben, pois aínda non quenta o sol, pero seguimos inmersos nun tren de corredores onde
se fai difícil ter un ritmo propio.

César en compañía marcha ben

Comezamos a primeira loucura de Moutiño, a súbida ás Goelas, que a min me lembra á mítica subida da Besta. Dous kilómetros e medio de subida, con 560 metros de desnivel positivo, que me leva case que unha hora. A humidade é importante, e vou chorreando súor polos catro costados, pero aínda resisto detrás de Alfonso. No alto, voltamos a atoparnos cos compañeiros, enchemos auga, e saímos trotando, tentando mellora-la media que levamos ata aquí. O seguinte tramo, é case que un bucle que pouco aporta, creo eu, pero que suma pola dificultade do ascenso que temos que facer, outra vez trepando coma cabras polos penedos, para deixarnos 500 metros máis adiante do punto polo que pasamos vinte minutos antes. Aquí xa libero a Alfonso do meu peso, porque noto que xa me vai sacando de punto, e prefiro baixar unha marcha.

Pola aldea de Cando, novo saúdo con Jorge e Ramiro, e comezamos a baixar cara Cabreiros, segundo avituallamento do día. Neste punto sepáranse as probas de 65 e 100 km, polo que xa atoparemos menos tráfico. Ademáis, é o primerio punto no que a familia ven a darme folgos. Se lle unimos que vou enteiro, e con un bo ritmo, creo eu, as sensacións son boas. Aliméntome e hidrátome ben, fago o primeiro cambio de calcetíns, e renova a hidratación dos pés, para evitar problemas posteriores. De aquí en diante, temos una forte baixada cara o río de Frades, atravesando un tunel dunha vella mina, e o cauce do río en varias ocasións, con baño incluído en varias ocasións, pois os penedos esbaran de máis, e non sempre se pode mante-lo equilibrio. Ademáis, xa no río Paivô, o mesmiño Mitch Buchanan, co seu bañador vermello, axúdanos a cruzar o río nunha zona na que moitos prefiren nadar que pasar a pé. Por máis que cho conten varias veces, non hai como vivilo en primeira persoa para darse conta da chaladura que supón pasar por esta zona. Xa fora do río, subimos cara Covelo de Paivô, arredor do kilómetro 33, onde hai un novo avituallamento. Novo cambio de calcetíns, e de camiseta tamén, hidratación, comida e descanso, e saio de novo con ánimos renovados, pois penso que as cousas van tal e como as pensara.
Subida longa e tendida, pasando pola aldea de Regoufe, co seu complexo mineiro abandonado. Son sete kilómetros e 700 metros de desnivel positivo, onde invirto case que dúas horas de tempo. Xa pasa do mediodía, e o sol apreta. Ademáis, case que non hai sombra en ningures, e a zona é seca, polo que a sensación de calor é maior. Aproveito algún paso con auga para mollar un buff que me poño na caluga, tentando baixar a temperatura corporal. Pero non hai ningunha fonte na que repoñer auga para beber, polo que teño que racionala para que non se esgote. Chegado o punto máis alto, detéñome a descansar, pois xa me noto bastante vacío, e trato de buscar recuperar algo para continuar por un tramo que espero máis favorable. Toca baixar, pero, na Freita, nada é doado, e, tanto o desnivel, coma o terreo con laxas e pedras soltas, fan que haxa moitos esbarános, e o compañeiro que levo diante termina por caer e levarse un bo castañazo. Séntome o seu carón para ver qué tal está, e xa non conseguirei erguerme de alí nun bo rato.

Sofrindo pero dando o que ten

Estou deshidratado, teño dificultades para respirar, agarrótanseme os dedos das mans, que me temblan, igual que as pernas. Ademáis, cóstame manterme esperto, e a situación non ten trazas de mellorar, alomenos, no curto plazo. Pasan diversos corredores que se preocupan por min, pero a todos lles digo que estou ben, e que só preciso descansar. Non quero estragarlle a carreira a ninguén, e confío en sair de esta polos meus propios medios. Pero o tempo pasa, e comezo a preocuparme, porque non vexo a maneira de seguir adiante. Por sorte, levo un xel que daban co dorsal, e tómoo como derradeiro recurso. Sabe a raios, pero consigo deglutilo cos restos de auga que aínda me quedan. E funciona. Ou eso, ou o efecto placebo, pero, aínda mareado, vou
avanzando, primeiro de cú, e logo xa erguido. Non as teño todas conmigo, e vou con medo a caer, pero xa non hai volta atrás. Teño que moverme para saír do tunel no que me atopo e, con cada paso que dou, síntome mellor. O terreo tamén axuda, porque saio a unha pista moi ancha e sen dificultades, na que, aínda que andando, vou máis cómodo e seguro. Logo de refrescarme nun regato, recupero folgos, a xa vou pensando no seguinte abastecemento, onde poderei comer e beber a gusto. Pero, coma dixen antes, na Freita non hai nada doado, e aínda que temos Covas do Monte a un paso, para chegar alí hai que dar un pequeno rodeo, subindo por unha parede de pedras que remata de esnaquizar as miñas esperanzas de seguir en carreira. Aparecen as primeiras náuseas e, pensando no que queda por diante…
No avituallamento trato de recuperarme, pero veñen os vómitos e o malestar é completo. Sei que teño que beber e comer, pero non hai maneira. Con resignación, e vendo o tempo que me queda para chegar os seguintes puntos de control, decido chamar para que me veñan a recoller, e dar por finalizada a edición 2025 da Freita. Mentres chega a familia, consigo tomar un plato de sopa e unha cervexa para inicia-la hidratación, e aparecen polo avituallamento Alberto e Fernando, que tamén dan por finalizada a carreira. Unha vez xuntos, falamos cos compañeiros que están no seguinte avituallamento, na base de vida de Póvoa das Leiras, que nos dan a mala noticia de que Alfonso tamén ten que abandonar por deshidratación. Cando chega a miña familia, montamos os seis no coche, e partimos á procura dos nosos amigos. Xa está caendo a noite, e a brétema toma por momentos a montaña. Alí, á vista da inmensidade e maxestuosidade da natureza que nos rodea, decátome de que, nesta edición, a Serra da Freita deunos unha boa malleira, e que algo haberá que facer para devolverlla no futuro. Sen rencor, que as nécoras somos animais de bo corazón, pero tercas coma mulas, e duras, que para iso levamos caparazón. Confío en voltar, xa veremos en qué condicións.
Saúdos
César Martínez González
César e os demáis: en nome de todo o CARMA, so podo dicir que estamos orgullosos de vos. A vosa grandeza está no camiño que afrontades.. A meta é so un punto calqueira. Non obstante, sabemos que o volveredes a intentar. Sorte e parabéns.
Jose.