Seleccionar página

Por César

Carreira de 60 km – 3.300 mt desnivel positivo. Con 1510 inscritos, 1296 finalizados, e que rematei no posto 611.

También puedes seguir nuestras aventuras y carreras en Instagram

 

A viaxe a Castellón arrincou o mércores, con máis dúbidas que certezas. Logo dunha boa tempada de adestramentos, problemas nos derradeiros días, fixeron que saíra de Vigo sen telas todas conmigo.

Camiño a Castellón, fixemos parada en Valencia, xa que, as viaxes en familia, requiren sempre dalgún sacrificio 🙂 ). Coa visita ó acuario e máis ó museo das ciencias, din por rematado o período de adestramentos, co que foi, seguramente, o máis duro de todos.

O venres, xa en Castellón, paseo pola cidade, recollida de dorsal e volta para o hotel, que o sábado tocaba madrugar.

Ás cinco da mañá saio do hotel camiño das pistas de atletismo da Universidade Jaume I, onde terá lugar a saída. Vou camiñando, pois son un par de kilómetros, e así vou entrando en calor. Cando chego, fago uns poucos estiramentos, e paso o control de entrada. Somos case que 1.500 corredores, e hai que coller sitio.

Saída ás seis en punto da mañá, facendo media pista de atletismo, para saír ata a estrada, por onde facemos un par de kilómetros. Aproveito para ir gañando posicións, porque sei que, en canto cheguemos á pista, e logo á senda, vai a haber retencións. Así foi. Non hai sitio máis que para unha ou dúas persoas no mesmo camiño, polo que, subindo e baixando, camiñamos todos coma se fósemos en procesión. Chegando ó primeiro avituallamento, no kilómetro 8, en Borriol, xa podemos comezar a trotar. Unha vez alí, gardo o frontal , que xa non fará falla no resto do día, e collo os bastóns para encarar a primeira subida importante do día. Neste tramo vexo coma asoma Lorenzo por detrás co castelo de Borriol, situado no alto dunha loma, e aínda que a estampa ben merece unha foto, prefiro centrarme en avanzar, e non saca-lo móbil, de momento. O terreo, que nos acompañará no resto do día é árido, seco, e cheo de rochas e pedras soltas. Completado o ascenso, entramos nunha zona de pequenos sube e Baixa, rodeados de almendros, figueiras e olivos. O terreo é corrible, e aínda imos frescos, polo que o ritmo é vivo, quizáis demasiado, pero pode máis o corazón que a cabeza. Por aquí xa empezo a darme conta que, moitos corredores non son precisamente áxiles descendendo, e teñen moitos atrancos por mor da complexidade do terreo. Como vexo que podo gañar tempo, tírome en tódalas baixadas, e vou gañando posición. Creo que nunca adiantei a tanta xente baixando, a pesar de non ser un dos meus puntos fortes (se é que teño algún).

Despois de pasar por debaixo dunha pequena ponte, entramos nun bosque de piñeiros, que atravesamos por unha senda con máis terra que pedras, e que nos leva ata o segundo avituallamento. Logo de recargar combustible, párome a poñer un apósito, que levo unha zapatilla rozándome no talón esquerdo, e máis vale previr. Quedan dous tercios de carreira, e prefiro non arriscar.

Collemos un tramo de baixada que desemboca nun cauce de río completamente seco, e cheo de cantos rodados de tamaño considerable. Miro ó meu redor, intentando localizar algún cadáver de animal, ou voitres axexando no ceo, pero non vexo nada. ¡Menos mal! O camiño continúa durante un tramo pola beira deste curso seco, ata que voltamos a ascender un par de cotas, curtas pero exixentes, e logo unha terceira, pola que chegamos a Les Useres, terceiro avituallamento, onde nos recibe unha morea de público que non deixa de dar folgos. ¡Unha gozada! Bocata de atún con aceitunas, cambio de calcetíns para aliviar os pés, e seguimos camiño.

El Trigal

Comeza un tramo longo de subida, pero máis tendida que as anteriores, que se adapta mellor ás miñas pernas. O sol comeza a apretar, pero aínda se leva ben. Cambio o buff pola gorra, volvo a botar man dos bastóns, que xa non abandonarei ata os tres kilómetros finais, e collo ritmo. Chegado ó alto, volvo a divisar a cima do Penyagolosa. Dende aquí aínda non intimida. Estamos no kilómetro 36 de carreira. Un pouco máis adiante atopamos un punto de abastecemento de auga fresca, con música tecno a todo volumen, e «ducha» de auga fría para refrescarse, cousa que se agradece. Logo, novo descenso coma cabras, saltando de pedra en pedra, e adiantando corredores.

A Chegada ó cuarto avituallamento e, coma en tódolos demáis do día, costa arriba. ¡Qué manía teñen nesta zona de construir os pobos no alto de outeiros! Trátase dun pequeno santuario, novamente cheo de público, onde degusto unha empanada de espinacas que está de vicio, ademáis de dulces e…centrado como estou na comida, esquézome de botar crema do sol e cambiarme a camiseta, coma tiña pensado.

Dende aquí se inicia, dende o meu punto de vista, a subida máis dura da carreira. Polo desnivel, pola lonxitude pero, sobre todo, polo sol e a calor que pega con ganas. Dende o alto, unha voz «anima» ós corredores sen parar: ¡A calor non é máis ca un estado mental!; ¡Non se pensa, só se anda!… e así ata facer cume, onde esa mesma voz me informa que o camiño chámase o camiño do rei. Unha desas subidas que algúnha noite me asaltará nalgún pesadelo. Continuamos por un tramo máis ou menos corrible, onde atopamos un novo punto de abastecemento, con auga fresca. Non sei como facían para refrixera-la auga, porque non tiñan ningún xerador de corriente, e co sol que ía, a min semellábame unha misión imposible.

Tres ou catro kilómetros despois acadamos o derradeira avituallamento do día, en Xodos (Chodos según din eles). Uns voluntarios están a beber Estrella Galicia, pero non hai para os corredores, alomenos, ata chegar á meta. Só quedan dez kilómetros, e a derradeira ascensión. Chamo a Almudena para avisala de que todo vai ben, e mentalízome para tentar coller un ritmo cómodo, que me permita subir sen reventar. Éste é un dos tramos máis bonitos da carreira, xa que ascendemos por un bosque de piñeiros, resgardados do sol e con fresco. A vexetación aumenta, e aínda que segue habendo pedras, son menos numerosas que ata o de agora. Para a miña sorpresa, vou adiantando corredores, cousa non habitual en min. Esta circunstancia dame novos folgos, e fago o tramo final desta subida con máis enerxía. Collemos un camiño favorable polo que me atrevo a trotar, a pesares que as pernas xa están cascadas, pero como xa casi non queda…¡Merda! Outra vez costa arriba. E eu que xa pensaba que non había máis. É unha pequena subida, pero con bastante desnivel, alomenos para min.

Pasamo polo derradeiro punto de abastecemento de auga, e control de tempo. Non pero, porque aínda levo auga nos bidóns, e xa se cheira á línea de meta. Un novo descenso, por unha senda ancha, que remata estreitándose e enchéndose novamente de rochas soltas. Dou caza a un par de corredores a dous kilómetros de meta e, como levo algúns dedos magullados, prefiro non forzar, e déixome ir detrás deles ata a meta. Moreas de xente animando, e a satisfacción do deber cumprido. Os meus cálculos eran facer arredor das dez horas de carreira, se todo saía ben, e foron doce minutos máis, que, logo das miñas dúbidas iniciais, soubéronme a gloria.

 

Xa en meta, diríxome ás duchas, situadas nunhas casetas portátiles, e levo a grata sorpresa de que, aínda abrindo únicamente a billa da auga fría, sae quente.¡Unha gozada! Para rematar, masaxe e comida: caldo de verduras, de carne, paella, bocadillo de tortilla, biscoitos de varios tipos…non me pesei, pero seguro que gañei algún kilo co paso dos avituallamentos e a comida final. O malo, que o karma (e non o Carma) ten estas cousas, a viaxe de regreso a Castellón no autobús, por unha estrada de montaña chea de curvas que, con tanta comida, fixeron que se me revolvese o estómago, e cheguei á parada final, no centro da cidade, mareado coma un pato. Menos mal que me agardaba a familia para facerse cargo de min.

 

En resumo, unha bonita experiencia, aproveitando os días para coñecer lugares novos, e vendo como se organiza unha carreira de nivel internacional. Non é que sexan mellores ou peores que outras por ese motivo, pero sí que se nota que teñen moito traballo detrás para que non falte de nada en ningún sitio, para que te sintas seguro en todo momento, e non te teñas que preocupar máis que de face-la túa carreira. E iso non é doado, con máis de dous mil corredores espallados polo monte. Se che gustan as pedras e rochas, non che importa correr por un terro árido, sen máis gota de auga que a que atopes nos avituallamentos, e tes medo a correr só polo monte, esta é unha carreira ideal para ti, xa que non hai un só momento no que te quedes a solas contigo mesmo.